martes, 18 de octubre de 2011

III Xornadas Ornitolóxicas

Durante a fin de semana do 12 e 13 de novembro terán lugar as     III Xornadas Ornitolóxicas da Fundación Ortegalia, que estarán centradas nas aves acuáticas presentes na comarca do Ortegal.

Este taller ornitolóxico comezará o sábado 12, en xornada de mañá e tarde, con sesións teóricas e algunha saída puntual para a observación de aves. O domingo pola mañá, farase un itinerario entre Cariño e Estaca de Bares con paradas nas zonas de maior interese para o avistamento da ría de Ortigueira e Ladrido.


O curso contará con Cosme Damián Romai Cousido como profesor e levarase a cabo no Museo Ortegalia.

O prezo da inscrición son 5€ e as prazas son limitadas.



Podedes apuntarvos ata o mércores 9 de novembro en:

 

Fundación Ortegalia
Avda Francisco Santiago 6-9
15.330 Ortigueira
T. 981 402 413
egonzalez(arroba)ortegalia.es
http://www.ortegalia.es/




*Nota. Os desprazamentos faranse en coches particulares

lunes, 17 de octubre de 2011

IX Festa dos Calabazotes







O vindeiro xoves 27 de outubro, ás 17:00h, celebraremos a IX Festa dos Calabazotes. Será na Praza de Isabel II.
Haberá castañas para tod@s e premios aos mellores calabazotes.
Tamén contaremos coa actuación do mago Marttyn.
Para máis información chama ao teléfono 981 402 413 ou entra na nosa páxina web, www:ortegalia.es.
Anímate e participa!.

  















viernes, 14 de octubre de 2011

Croios. A memoria na area


A inauguración desta exposición terá lugar o vindeiro 20 de outubro, ás 19:00h, no Museo Ortegalia.

 Croios, a memoria na area.
O Mar Céltico. Un anaco de Atlántico. O mar da nosa historia, da nosa memoria, da nosa cultura. O territorio dos fisterras,  o roteiro ás Illas do Alén. O espazo onde todo nace e todo se esvae. A matria das  ondas dos glifos de escuma. A patria  de todos tatuada en petroglifos.
As  teorías históricas máis modernas explican  que o Mundo Céltico, lonxe de sere interpretado como un suceso invasionista espaleado dende as profundidades centroeuropeas, a onde  arribaría dende as inmensas chairas caucásicas, debe ser comprendido coma un extendido suceso evolucionista que asentaría os seus alicerces nas culturas megalíticas do Bronce Atlántico. Mámoas, pedrafitas, petroglifos, metalurxia broncínea,  ouriversarías e navegacións atlánticas… apousadas e formalizadas no Noroeste Peninsular Ibérico irían pouco á pouco integrando as costás do Mar Céltico e penetrando cara o interior do continente onde acadarían requintada personalidade de seu  nas culturas de Hallstat e La Téne.
O Mar Céltico. De ribeiras gallaicas, astures, cántabras, bascas, gasconas, bretonas, galesas, córnicas e irlandesas. O mar do estaño. O mar das barcas de pedra. O mar  das  destemidas xentes da arrota. O mar dos ventos alumeados pola  Compaña de Mortos.
Explicaríanse mellor, así, os enigmas históricos que o celtismo estimula. Comprenderíase o contido do Leabhar Gabhala, O Libro das Invasiós irlandesas; daríaselle valor á Lenda de Breogán e collerían corporeidade de realidade as densas, calladas e mestas similitudes etnográficas que os estudos do mestre Fernando Alonso  Romero leva anos revelando. As recientes investigaciós xenéticas do cadeirádego de Oxford, Brian Sykes, asegún as que 75 de cada cen irlandeses e 56 de cada cen ingleses proveñen do norte da Península Ibérica iluminan con raiolas de cencia indiscutible as  nebras etnográficas e lendarias. A Pedra do Destiño é cada día máis galega.
O Mar céltico. Por onde imos indo e por onde veñen vindo. Onde todos nos falamos e todos nos sentimos. Onde  somos o que somos. Onde respiramos e afogamos. O mar noso, o noso mar.
 Chaman  os mariñeiros de Cedeira Mar dos Balandros a aquel mar   onde antigamente se arrexuntaban  ducias de  barcos de vela  bretóns   para pescar  na que foi famosa costeira da langosta.  Non  eran os únicos. Outros bretóns viñan a buscar  semente de ostra. Pasaban acolá o tempo suficiente para encher as súas bodegas. Viñeran transportando en lastre vellos camoucos de silex , que ao chegaren arrumbaban na marea. Marchaban, Mar Céltico adiante, coas súas adegas lastradas agora coas caixas cheas da saborosa lagosta cedeiresa. Levaron lagostas e ostras. Deixáronnos  croios de silex.
O Mar Céltico. O das plaias conformadas polas areas compartidas de todas as costás célticas. Areas nas que agora despuntan, chegadas da historia común, croios de silex bretón. Pelouros negros, escuros coma a desmemoria, que nacen, florean, nas plaias claras e brancas do noroeste falando na  anterga lingua céltica común: croios. A memoria de todos. Na area.